A normalización do galego a debate
Esta entrada é do blog de Xavier Campos, un amigo, que sempre fai unhas análises e reflexións moi interesantes. Comparto con el, con Suso Fernández Acevedo e con moita máis xente a preocupación pola nosa lingua.
Y por qué para ser médico tengo que saber gallego?
Ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber galego, igual que ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber conducir nin a vestir dunha determinada maneira. Pero se ese cidadán é taxista terá que ter carnet de conducir, se é futbolista, durante os partidos terá que vestir igual cós seus compañeiros de equipo, e se é un obreiro da construción, mentres estea na obra, terá que levar casco. Todos estes personaxes seguen sendo cidadáns, pero nuns determinados momentos exercen de taxistas, de futbolistas, ou de albaneis, e iso tamén implica unhas obrigas.
Cada posto de traballo ten un perfil, require unha serie de coñecementos por parte da persoa que o ocupa e que, non o esquezamos, cobra por desempeñalo. E cada un deses coñecementos ten unha motivacion: se un taxista non sabe conducir, a viaxe pode ser emocionante de máis; se cada futbolista viste como queira, compadézome do árbitro que teña que distinguilos, e así con todo.
O motivo que provoca que para exercer determinados postos de traballo haxa que saber os dous idiomas oficiais ―non esquezamos que tamén hai que saber castelán, pero iso ninguén o cuestiona― é que os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en calquera deles. A Administración ten que garantir ese dereito, segundo establece a lei, e por iso se lle esixe ó funcionariado o coñecemento dos dous idiomas: do castelán, como establece a Constitución, e tamén do galego, como establecen outras disposicións legais derivadas desta: Estatuto de Autonomía, etc.
Quizá se esqueza con demasiada frecuencia que os funcionarios están ó servizo da cidadanía, que é quen lles paga o seu salario, e non ó revés. Ninguén está obrigado a ser funcionario en Galicia; se unha persoa non quere saber galego, pode dedicarse a moitas outras actividades dignas de toda consideración para as cales non cómpre saber galego. Pode montar unha mercería, por exemplo.
Asina como docente o manifesto da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística
Ante a difícil situación que atravesa a lingua galega no ensino, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística considera importante o labor das profesoras e profesores. Agora podemos asinar o manifesto para mostrar a nosa preocupación ante a intención de derrogar o Decreto 124/2007 que regula o uso do galego no ensino.
Belén Regueira e a verdade do galego
Na entrega dos Premios Mestre Mateu, Belén Regueira, premio á mellor comunicadora de 2008, expresou con claridade a situación do galego nas rapazas e nos rapaces.
COORDINADORA DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística queren manifestar a súa preocupación ante a intención do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo.
Xa asinaron 428 ENDL, se aínda non o fixeches podes facelo na Coordinadora de ENDL.
Consideramos as medidas que se establecen no decreto como unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seu resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado, solicitámoslle ao novo goberno que manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega.
MANIFESTACIÓN O 17 DE MAIO

Este 17 de maio A Mesa pola Normalización Lingüística convoca xunto con outras organizacións unha manifestación en defensa do galego. Nestes momentos, cómpre mostrar o amor á nosa lingua. Consideramos lamentábel que desde o goberno as únicas medidas con relación á nosa lingua sexan en contra dela. O 17 de maio, e todos os días do ano, o galego debe estar presente na nosa vida.
Fronte aos falsos discursos de imposición do galego e os ataques contra a nosa lingua, o lema que escolleu a Mesa destaca o papel do galego como elemento cohesionador e vertebrador da sociedade galega. Chamamos a participar na manifestación e a defender a nosa lingua no día a día a todas aquelas persoas que falan un ou outro idioma, aman o galego e sénteno como un patrimonio vivo e útil de toda a sociedade e un elemento de unión.
CORRELINGUA 2009

As carreiras pola lingua comezarán o día 5 de maio en Vigo e Pontevedra e rematarán na Coruña o 15, percorrendo 14 comarcas galegas baixo o lema ‘En Galego! Pásao!’
Arredor de 45 000 rapazas e rapaces duns 500 centros de ensino de todo o país participarán na edición 2009 do Correlingua, unha actividade que se celebra de xeito regular desde o 2000 e que este ano consistirá en 14 carreiras a prol da lingua que se van celebrar en 14 vilas de Galiza. Os actos comezarán en Vigo e Pontevedra o 5 de maio e rematarán na Coruña o vindeiro día 15.
ANDAINA 2007
Dentro das diferentes actividades que realizamos para celebrar o Día das Letras destaca a Andaina. A Andaina é unha actividade na que participa toda a comunidade educativa. Este ano realizouse o 16 de maio e fomos até Castrelo do Val. Alí, en plena natureza, o alumnado realizou un recital das poesías máis representativas de María Mariño, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras. Despois para rematar a xornada participamos en diferentes xogos.PREMIO DE MELLOR PANCARTA DO CORRELINGUA

O 9 de maio o alumnado de 1º de bacharelato participou no Correlingua en Ourense. Esta actividade é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
Cada grupo elaborou unha pancarta onde había referencias á situación do galego e reivindicábase o seu uso. unha delas, a elaborada polo alumnado de 1ºC resultou gañadora do concurso de pancartas. O lema era: "A nosa maxia, a nosa lingua. Galegade con nós" onde se transmite a idea do uso da lingua galega como sinal de identidade.
Pola tarde realizamos unha visita á Casa Museo de Otero Pedraio, en Trasalba.


